Bueu logra presenza na Liga Ouro en todas as categorías da base
O equipo cadete feminino Área de Servicio Lapamán Mareiras Bueu Atlético fixo historia este fin de semana ao selar o seu ascenso á categoría Ouro , tras impoñerse no emocionante play-off de ascenso disputado no pavillón municipal de Bueu. Co seu éxito, o conxunto dirixido pola adestradora Marta Piñeiro pon o broche de ouro a unha fazaña sen precedentes para o balonmán local: por primeira vez na historia, todas as categorías da base de Bueu competirán nas ligas de máxima competición autonómica.O equipo chegaba a esta cita coa responsabilidade de ser o último representante do balonmán bueués en xogar o play-off esta tempada. A presión non fixo mela nun grupo de xogadoras que demostrou unha enorme solidez, carácter e madurez na pista, logrando o ansiado billete para a elite galega ante a súa afección. A igualdade e o alto nivel foron os grandes protagonistas de todo o torneo. O segundo posto do play-off levouno o Clínica Dental Paula González Chapela Carballal, que asinou unha gran actuación e pelexou ata o final. Pola súa banda, o grupo completouse coa participación do BM Abegondo Bar Momentos e do Hotel Spa Bosquemar Rasoeiro BM, dous rivais moi combativos que dignificaron o espectáculo e venderon caras as súas derrotas. Con esta vitoria, Bueu consolídase como unha das grandes canteiras do balonmán en Galicia. O ascenso do Mareiras Bueu Atlético cadete feminino non é só un premio ao esforzo e á gran xestión desde o banquiño, senón o reflexo dun traballo estrutural que converte as pistas de Bueu nun viveiro inesgotable de talento deportivo.