29/09/2026

Pleno de éxitos e catro equipos máis na Liga Ouro

O balonmán de Bueu está de parabéns tras un fin de semana histórico no que os catro equipos do Bueu Atlético Balonmán que loitaban por entrar na Liga Ouro conseguiron o seu obxectivo. A vila viviu tres días de intensa emoción competitiva ao converterse en sede oficial de dous dos sectores de promoción, demostrando o gran nivel da súa canteira e o acerto dos seus corpos técnicos.


Os Pavillóns Municipais de Bueu e de Beluso acolleron unha fin de semana vibrante coa disputa dos play-offs de dúas categorías, onde a afección local levou en volandas aos seus equipos cara ao liderado absoluto.


Na categoría xuvenil masculina, o Socaire Arquitectos Bueu Atlético Balonmán, baixo a dirección técnica de David Iglesias, dominou o seu grupo con autoridade e gañou absolutamente todos os seus partidos. Os locais superaron a rivais da talla do Atlético Novás, o Balonmano Porriño JM e o Hierros Varela Urbieta Xiria. O conxunto de Carballo, o Xiria, rematou como segundo clasificado e tamén logrou o billete para a Liga Ouro acompañando aos de Bueu.


Pola súa banda, na categoría infantil feminina, as mozas do Restaurante Loureiro Mareiras Bueu Atlético, dirixidas dende o banquiño por Roque Arias, asinaron unha actuación idéntica e impecable. O equipo local venceu en todos os encontros do seu grupo, no que competían contra o BM Abegondo Bodegón de Noe, o Asmubal Meaño e o Rande Suministros Lavadores Vigo. O Lavadores vigués asegurou a segunda praza, acadando tamén un posto na máxima categoría.


O éxito do club non se limitou ao pavillón local, xa que os conxuntos que tiveron que desprazarse tamén ofreceron un rendemento inmellorable guiados polos seus adestradores.


O equipo infantil masculino, que tivo a Abel Juncal á fronte, viaxou ata A Coruña para xogar no pavillón municipal Novo Mesoiro. Alí, os de Bueu amosaron un nivel espectacular e gañaron todos os seus partidos contra o Tubasys Xiria, o BM Ribeiro Autoservicios Torejas e o local BM Línea 21 Climsa Climatización. Os coruñeses do BM Línea 21 finalizaron segundos e tamén selaron o seu pase á Liga Ouro.


A gran fin de semana redondeouse no pavillón A Marisma de Redondela coa participación do xuvenil feminino. O Padthaiwok Mareiras Bueu Atlético, ás ordes de Martiño Castro, asinou unha fase de clasificación sobresaliente para meterse de cheo na Liga Ouro. As de Bueu conseguiron o obxectivo xunto co Calfrima Carballal, nun grupo de moito nivel no que tamén competían o Ekokay As Choqueiras e o Instalacións Parcero Balonmán Moaña.


Con este pleno de catro de catro, sumado ó logro anterior do cadete masculino, o Bueu Atlético Balonmán consolídase como un dos clubs referentes do balonmán base en Galicia. Parabéns a xogadores, xogadoras, adestradores e afección por este fito histórico!