Estimado Soci@ e afeccionad@ :
Sabíamos que esta tempada sería unha das máis difíciles para o club Bueu Atlético Balonmán,non só polas dificultades técnicas e económicas que estamos afrontado, senón tamén polas decisións difíciles que temos que tomar como entidade.
A evolución desfavorable da crise sanitaria provocada pola Covid-19 obríganos a adoptar tódalas medidas de seguridade que sexan necesarias, co único obxectivo de velar pola saúde de tódolos participantes na práctica e desfrute do noso deporte.
A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia na orde do 21 outubro de 2020 adoptou, entre outras, unha serie de medidas para regular a celebración de eventos deportivos, de adestramentos e de competicións deportivas con público nas instalacións deportivas de Galicia.
De acordo a esta orde, o aforo máximo permitido no Pavillón Pablo Herbello de Bueu limítase a un máximo de 60 persoas, coa posibilidade de ampliar o límite indicado ata un máximo de 100 persoas, previa solicitude do Clube Bueu Atlético Balonmán, como organizador do evento, e logo da autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio.
Ante estas novas circunstancias, a xunta directiva do club Bueu Atlético Balonmán adopta as seguintes decisións e criterios para tódolos encontros organizados pola nosa entidade :
- Só poderán acceder ás instalacións como publico aquelas persoas que teñan a condición de socio/a do club, é dicir, que renovaran o seu carné para a tempada 2020/2021.
- Só poderán acceder ao pavillón aquelas persoas que reservaran a súa praza e presenten o carné de socio no momento de entrar ao pavillón.
- Para obter a autorización do club e reserva da praza será necesario cubrir un formulario na páxina web do club, rexistrando os datos persoais e indicado o partido ao que se quere asistir.
- Só se poderán reservar as prazas dende o mércores as 8:00 horas ata o xoves as 18:00 horas da mesma semana de celebración do encontro.
- Entre tódalas persoas que fixeron a reserva, e para cumprir estritamente co aforo máximo, establécense os seguintes criterios :
i. Orde de rexistro da reserva.
ii. Prioridade a aquelas persoas que non asistiran previamente.
iii. Antigüidade do socio/a. - A aquelas persoas autorizadas enviaráselles un correo coa confirmación da reserva da praza.
Nos próximos días informarase do protocolo de acceso ao pavillón e da normativa a seguir para desfrutar do encontro con seguridade. Aínda que a xunta directiva é consciente do alto grao de responsabilidade dos socios, fai un chamamento a extremar ao máximo posible o cumprimento de ditas normas.
Aqueles socios que non retiraran o seu carné poderán facelo os xoves na oficina do Pavillón Pablo Herbello, en horario de 19:30 a 20:00 horas, previa cita chamando o numero 654 728 661( a partir das 19:00) .
Dende o club entendemos que dita decisión pode prexudicar a algúns dos nosos socios e afeccionados, pero pedimos comprensión ante a complicada situación que vivimos e que afecta a todos os ámbitos da nosa sociedade.
Noso maior desexo é recuperar a normalidade e poder contar con tódolos nosos socios e afeccionados no noso pavillón desfrutando do que máis nos gusta “o balonmán”.
¡Bueu con forza !